Os recunchos de
enriquecemento curricular na aula non son só unha medida ordinaria para atender
as necesidades específicas de apoio educativo derivadas de altas capacidades
intelectuais senón tamén un recurso educativo que favorece a todo o alumnado.
Son espazos con
actividades altamente motivadoras que
dotan ás aprendizaxes dun grao maior de profundidade, extensión e
interdisciplinariedade.
Os recunchos de
enriquecemento curricular deben dispor de materiais e recursos variados que
permitan ao alumnado traballar de forma autónoma e creativa. Estes espazos
deben aumentar o nivel de motivación do alumnado, deben potenciar o traballo
de procura e investigación, deben desenvolver a competencia de aprender a
aprender, deben fomentar a creatividade e imaxinación, deben posibilitar
unha gran variedade de actividades dentro da aula e sobre todo deben responder
ás necesidades do alumnado.
Os recunchos de
enriquecemento poden ser recunchos de enriquecemento curricular vertical ou
horizontal. Mentres que nos recunchos de enriquecemento curricular vertical incrementamos
a cantidade de contidos a aprender, nos recunchos de enriquecemento curricular
horizontal o aumento cuantitativo de contidos queda nun segundo plano e
prevalece a realización de conexións entre o que se aprende.
Exemplos
de actividades de recunchos de enriquecemento curricular vertical serían as
actividades para ampliar coñecementos sobre un tema determinado (informacións,
noticias, curiosidades...) e exemplos de actividades de recunchos de
enriquecemento curricular horizontal serían as actividades interdisciplinarias
(traballo por proxectos onde non se aumentan contidos senón que prevalece a
conexión dos contidos ordinarios do mesmo nivel).