Páginas

viernes, 12 de noviembre de 2021

RECUNCHOS DE ENRIQUECEMENTO CURRICULAR NA AULA

 

Os recunchos de enriquecemento curricular na aula non son só unha medida ordinaria para atender as necesidades específicas de apoio educativo derivadas de altas capacidades intelectuais senón tamén un recurso educativo que favorece a todo o alumnado.

Son espazos con actividades altamente  motivadoras que dotan ás aprendizaxes dun grao maior de profundidade, extensión e interdisciplinariedade.

Os recunchos de enriquecemento curricular deben dispor de materiais e recursos variados que permitan ao alumnado traballar de forma autónoma e creativa. Estes espazos deben aumentar o nivel de motivación do alumnado, deben potenciar o traballo de procura e investigación, deben desenvolver a competencia de aprender a aprender, deben fomentar a creatividade e imaxinación, deben posibilitar unha gran variedade de actividades dentro da aula e sobre todo deben responder ás necesidades do alumnado.

Os recunchos de enriquecemento poden ser recunchos de enriquecemento curricular vertical ou horizontal. Mentres que nos recunchos de enriquecemento curricular vertical incrementamos a cantidade de contidos a aprender, nos recunchos de enriquecemento curricular horizontal o aumento cuantitativo de contidos queda nun segundo plano e prevalece a realización de conexións entre o que se aprende.

Exemplos de actividades de recunchos de enriquecemento curricular vertical serían as actividades para ampliar coñecementos sobre un tema determinado (informacións, noticias, curiosidades...) e exemplos de actividades de recunchos de enriquecemento curricular horizontal serían as actividades interdisciplinarias (traballo por proxectos onde non se aumentan contidos senón que prevalece a conexión dos contidos ordinarios do mesmo nivel).

No hay comentarios:

Publicar un comentario