Páginas

jueves, 7 de enero de 2021

LINGUAXE E COMUNICACIÓN NO ALUMNADO CON TEA. TRABALLANDO A LINGUAXE

O alumnado con TEA soe ter unha especial dificultade para empezar a falar Unha das dificultades do alumnado con TEA é a adquisición e o desenvolvemento da linguaxe verbal e a comunicación. Este déficit é un dos factores relacionados cos problemas de conduta e as dificultades na interacción social e é un dos motivos de frustración familiar e do propio alumno.

O procesamento distinto da información xera un modelo distinto de comunicación (gramática, semántica e pragmática da linguaxe).

 Pero, como fomentar a comunicación no alumnado con autismo?

 Xeralmente, o desenvolvemento da comunicación e da linguaxe basease no uso de apoios visuais, modelos de imitación, adquisición de requisitos e habilidades comunicativas básicas.

O apoio visual facilita que o alumno integre a información e a asocie aos aspectos sonoros da palabra: presentación de imaxe e  reforzo verbal (asociación imaxe-palabra para proceder á retirada progresiva das imaxes). Pouco a pouco o alumno vai adquirindo máis vocabulario e creando frases e expresións máis complexas.

O inicio do proceso de aprendizaxe da lectoescritura é tamén un gran reforzador da linguaxe oral habendo incluso nenos/as que aprenden primeiro a escribir que a falar.

No desenvolvemento da linguaxe verbal debemos ter en conta tamén outros aspectos coma a conciencia fonémica, a reciprocidade da linguaxe, a comunicación complexa…

 O máis frecuente é que o alumnado con TEA acabe desenvolvendo unha linguaxe verbal funcional non habendo unha idade límite para facelo, aínda que, tamén é certo que, a maior idade, máis difícil é adquirir esta linguaxe.

 Para que isto suceda debemos traballar e incidir noutros aspectos necesarios e complementarios de forma simultánea: a integración sensorial, a comunicación e a conduta, o estado emocional, a autonomía persoal... Este traballo debe desenvolverse en contextos naturais e debe contar coa colaboración e a coordinación de todos os axentes que rodean ao alumno: familia, equipos de terapia e contorna escolar.

 No programa para aumentar a comunicación funcional (competencias comunicativas e comunicación funcional espontánea) debemos conxugar a premisa espontánea e/ou indutiva dentro do marco das relación humanas básicas na actividade normal do alumno (con apoios audio-visuais) e a produtiva nas situación de desempeño e aprendizaxe requiridas. O programa débese basear no que o alumno desexa comunicar resolvendo necesidades puntuais do alumno en lugar do que consideramos que debe saber e nas competencias comunicativas que debe ter (en ambientes controlados). Adaptámonos ás súas necesidades e capacidades propias en cada unha das súas contornas diminuíndo así o nerviosismo e ansiedade do alumno (diminución dos procesos de ensimesmamento, do nivel de estereotipias…). Traballamos en contextos naturais de forma ininterrompida e adaptándonos ao neno/a. Seguimos o seguinte esquema:

 ACONTECEMENTO QUE NON ENTENDE-APOIO-COMPRENSIÓN DO ACONTECEMENTO

Deste xeito xeramos aprendizaxes significativas e experiencias correctas que axudan a xeneralizar aspectos relacionados coa linguaxe á vez que reducimos a súa parte máis abstracta.

 Este tipo de traballo e os apoios visuais son fundamentais para traballar carencias, mellorar a nivel emocional e diminuír as súas frustracións, perrenchas e crises.

 Secuencia natural para traballar o desenvolvemento da linguaxe

Para o traballo máis dirixido, Amaya Áriz propón a seguinte secuencia natural para traballar o desenvolvemento da linguaxe:

PALABRA MONOSÍLABA - PALABRA BISÍLABA - PALABRA+ATRIBUTO - PALABRA TRISÍLABA - QUERO+COMPLEMENTO - GÚSTAME+COMPLEMENTO - FRASES DE TRES PALABRAS - FRASES DE CATRO PALABRAS

Despois segundo a proposta de Amaya podemos traballar a finalidade (para que), a causalidade (por que), o uso de pronomes, o podo…?, o con quen…?

Facilitadores da aprendizaxe

Como dixemos anteriormente o mellor é traballar cunha linguaxe adaptada en contextos naturais de forma ininterrompida e adaptándonos ao neno/a.

Algúns exemplos de facilitadores son:

  • Encadeamento cara atrás: segmentando as tarefas en tarefas máis simples, prescindimos do último paso dunha secuencia para que o alumno a finalice con éxito. Pouco a pouco vanse eliminando cara atrás.
  • Aprendizaxe sen erro.
  • Ensino incidental: intencionalidade do ensino nas actividades diarias.
  • Moldeamento: descompoñendo as tarefas en tarefas máis simples e escalonando a súa aprendizaxe realizando primeiramente as máis sinxelas e progresivamente as máis complexas...
  • Aprendizaxe por rutinas: repetindo varias veces a mesma secuencia durante un tempo: desensibilización, información visual...
  • Apoio condutual positivo: estratexias que, a través da adaptación do entorno e o ensino de habilidades, buscan minimizar os problemas de conduta e mellorar a comprensión do mesmo. 
  • Sistemas Aumentativos e Alternativos da comunicación (SSAAC): permiten superar as barreiras comunicativas.
  • Sinalizacións visuais.
  • ...

·         Facilitadores da comunicación

Algunhas estratexias que facilitan a comunicación:

  • Empregamos unha linguaxe concisa, clara e literal.
  • Aseguramos a atención do alumno/a antes de dirixirnos a el/ela.
  • Empregamos tons baixos de voz.
  • Situámonos cara a cara ao nivel da persoa que temos diante e cunha linguaxe adaptada as súas competencias.
  • Utilizamos palabras de alto impacto que formen parte dos seus intereses e con significado para o noso interlocutor.
  • Utilizamos frases curtas, informativas; frases que reflictan o que desexamos e nomeen o que está a ocorrer.
  • Usamos frases declarativas (o que estamos facendo), sen ordes. Non usamos frases condicionais.
  • Pomos palabras aos actos do quen non ten linguaxe evitando facer preguntas.
  • Evitamos falar rápido.
  • Damos tempo e evitamos adiantarnos ás verbalizacións do alumno. Esperamos o tempo que precise.
  • Verbalizamos en positivo.
  • Evitamos forzar a repetición porque inhibe unha comunicación funcional (non habería función comunicativa).

No hay comentarios:

Publicar un comentario