Páginas

lunes, 28 de octubre de 2024

COMO AXUDAR AOS NOSOS FILLOS E FILLAS PARA QUE DURMAN NA SÚA CAMA E COMO DURMIR BEN

 


Un dos momentos máis difíciles do día é a hora de deitar aos nosos fillos e fillas. É normal que se resistan a durmir por múltiples razóns, xa que desexan estar máis tempo cos seus pais, cos seus irmáns, vendo a tele, ou charlando e contando historias. Pero, como os podemos axudar para durmir ben e na súa cama?

 Imos facelos e facelas partícipes da súa propia rutina do soño para durmir ben, sós e á mesma hora.

  1. Establecer unha rutina diaria de soño que inclúa un período de tranquilidade antes da hora de durmir: luz suave, música relaxada, ler un conto, falar en voz baixa...
  2. Evitar ou reducir ao mínimo o acceso á televisión ou aos videoxogos antes de durmir. A sobreexcitación luminosa ao longo do día, o exceso de horas expostos á luz azul en horas próximas ao soño, e a proximidade á que temos os principais dispositivos de altas emisións, provocan que se inhiba parcialmente a produción de melatonina. A luz azul activa no noso cerebro o sinal de que estamos no medio do día, polo que aparece o insomnio, tardamos en coller o soño, desvelámonos e este pasa a ser de peor calidade.

jueves, 24 de octubre de 2024

PAUTAS PARA AS FAMILIAS PARA TRABALLAR A FRUSTRACIÓN

 

Que é a frustración?

A frustración é unha situación na que unha expectativa, un desexo, unha necesidade ou unha ilusión non se cumpre e a vivencia emocional que xera.

Que é a tolerancia á frustración?

A tolerancia á frustración é unha destreza emocional necesaria que podemos adestrar e aprender. 

Ante a frustración, algúns nenos e nenas amosan comportamentos desadaptativos. Non obstante, podemos ensinar ao neno ou nena a controlar determinadas situacións e ter unha resposta máis axeitada ante esas situacións que lle producen frustración.  

Satisfacer todas as necesidades dos nenos e nenas de forma inmediata xera inseguridade emocional e non favorece o seu desenvolvemento emocional. Debemos dar aos nosos fillos e fillas oportunidades de desenvolver a tolerancia á frustración impulsándoos a manexar situacións cando atopan obstáculos para desenvolver a tolerancia e postergando a gratificación inmediata para obter unha meta a longo prazo.

Recomendacións para as familias

  1. Educar dende o exemplo normalizando a frustración ante as adversidades. Os nenos e nenas aprenden e imitan o que ven na casa.

jueves, 17 de octubre de 2024

GUÍA DE USO SEGURO DE INTERNET E AS REDES SOCIAIS

A Xunta vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais no que aborda os efectos e riscos que implica a pegada dixital.


 

 


domingo, 16 de junio de 2024

TRANSICIÓN AO IES: PAUTAS PARA O ALUMNADO E FAMILIAS

Deixamos ao alumnado e ás familias de 6º curso de educación primaria unha guía para facilitar o acceso ao IES. Cambiamos de etapa e de centro e queremos acompañar unha vez máis aos nosos pequeno e pequenas neste momento de cambios, de asunción d novas responsabilidades, de moitos nervios...

Moita sorte para os nosos cativos e cativas nesta nova etapa!!!


INICIO DA ESCOLARIDADE: INICIAMOS UNHA NOVA ETAPA NA ESCOLA

Deixamos a continuación unhas pautas do Departamento de Orientación e o equipo docente de educación infantil para as familias do alumnado que inicia a escolaridade o vindeiro curso escolar e facilitar así o comezo desta nova etapa. Deixamos tamén unha breve explicación da etapa de educación infantil.



sábado, 15 de junio de 2024

NAVEGACIÓN CON SEGURIDADE EN INTERNET

O Colexio Profesional de Enseñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, ten publicadas unhas guías que recomendamos dentro do Plan Navega con Rumbo polo Ciberespazo. Esta iniciativa pretende a navegación con seguridade de todo o alumnado e evitar situacións de ciberacoso e outros riscos de Internet.

Esperamos que sexan do seu interese!



martes, 14 de mayo de 2024

BOLSAS E AXUDAS PARA O ALUMNADO CON NECESIDADE ESPECÍFICA DE APOIO EDUCATIVO

Está aberto ata o 13 de setembro o prazo de presentación de solicitudes de bolsas e axudas para  o alumnado con necesidade específica de apoio educativo convocadas polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Poden atopar toda a información desta convocatoria en:

 

martes, 2 de abril de 2024

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO


O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data instaurada por Nacións Unidas para visibilizar ás persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e contribuír a promover o exercicio efectivo dos seus dereitos.

Dende o centro realizamos as seguintes actividades:

  • Asistimos á proxección da curta Mi hermanito de la luna.
  • Finalmente elboramos un mural colaborativo co símbolo infinito.









jueves, 21 de marzo de 2024

TODOS SOMOS IGUAIS, TODOS SOMOS DIFERENTES

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down o alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe de Leirado realizou toda unha serie de actividades co gallo de dar visibilidade ás persoas con Síndrome de Down nas actividades cotiás, apostar pola importancia da diversidade e fomentar a súa inclusión:

  • Asistimos á proxección das curtas Cromocuento e  Síndrome de Down-Guía rápida.
  • Asistimos ao centro con calcetíns distintos en cada pé, 
  • Buscamos o nosso calcetín desaparellado para formar palabras.
  • Finalmente fixemos un mural colaborativo cos calcetíns desaparellados que colgamos en tendais.










sábado, 20 de enero de 2024

PRÁCTICA RESTAURATIVA: RECUNCHO BOCA-ORELLA


A
s prácticas restaurativas son unha serie de dinámicas que podemos levar a cabo na aula co grupo clase para resolver conflitos.

 QUE É?

Un espazo para o diálogo e a negociación que permite ao alumnado resolver conflitos e solucionar as súas diferenzas de forma autónoma.

 CANDO USALO?

Cando o alumnado ten un conflito dentro da aula ou no recreo, o profesorado convídao a ir ao recuncho para intentar solucionalo por si mesmo. Esta proposta debe ser sempre unha invitación e non unha imposición. O uso deste espazo debe ser voluntario.

COMO FUNCIONA?

O alumnado alternará dous papeis a medida que se expoñen os argumentos: o papel de boca e o de orella. O alumno/a que ocupa, en primeiro lugar, a cadeira-boca ten a palabra e a súa tarefa é contar que aconteceu e como se sinte mentres o seu compañeiro/a escoita atentamente sen intervir na cadeira orella. Unha vez que o primeiro alumno/a rematou de falar e expresar a súa opinión, se cambian de cadeira e inverten os seus papeis.

Se repetirá o intercambio de posicións ata que se chegue a un acordo e se comprometan a cumprilo.

 PAPEL DO PROFESORADO

O profesorado actuará como guía situándose preto do alumnado apoiándoo e acompañándoo neste proceso, tentando que respecten a quenda de palabra, as opinións enfrontadas e cheguen a acordos.

O profesorado reforzará ao alumnado positivamente escoitándoo de forma activa pero tentando intervir o menos posible.

PAPEL DO ALUMNADO MEDIADOR

No caso do alumnado maior podemos introducir o papel do alumnado mediador. Inicialmente o profesorado debe observar como se desenvolve o mediador na súa función insistindo en que simplemente debe asegurarse do cumprimento das normas do método boca-orella.

 BENEFICIOS DO MÉTODO BOCA-ORELLA

Os beneficios deste método para o alumnado:

  • Solución de conflitos de forma autónoma.
  • Fomento da autonomía do alumnado.
  • Maior confianza no alumnado e maior responsabilidade do mesmo.
  • Aprendizaxe do respecto da quenda de palabra.
  • Valoración e aceptación das diferentes opinións incluso non estando de acordo con elas.
  • Capacidade de chegar a un entendemento e á comprensión de que a mellor forma de solucionar os problemas é o diálogo.


viernes, 5 de enero de 2024

ORDE SOBRE O USO DOS TELÉFONOS MÓBILES E DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS NOS CENTROS EDUCATIVOS

A Xunta vén de publicar o protocolo para regular o uso dos móbiles nos centros educativos durante o tempo de lecer, ampliando así a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos á totalidade da xornada escolar.

Esta medida estará vixente dende a volta das vacacións de Nadal. A limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos incluirá tamén deste xeito os períodos non lectivos: entradas e saídas, tempo de recreo, comedor escolar e períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares. 

Acceso á Orde do 4 de xaneiro de 2024 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos, pola que se aproba o protocolo sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centro docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia:





jueves, 4 de enero de 2024

PROGRAMA PARA O DESENVOLVEMENTO DO PLAN DE BENESTAR EMOCIONAL NO ALUMNADO

No segundo e terceiro trimestre implementaremos no centro un programa de educación emocional dirixido ao alumnado e baseado no "Programa de Cine y Educación en Valores Del Revés (Inside Out) - Guía del profesorado".

Con este programa, inserto no proxecto documental integrado anual (Multicines Leirado: aprendizaxe, cámara, acción!), pretedemos favorecer o benestar persoal do noso alumnado e crear as condicións necesarias para unha correcta adquisición de coñecementos.

Deixamos o programa de educación emocional, no que iremos incluíndo as actividades a medida que estas se vaian realizando: