Páginas

lunes, 3 de abril de 2023

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data instaurada por Nacións Unidas para visibilizar ás persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e contribuír a promover o exercicio efectivo dos seus dereitos.

Dende o equipo da biblioteca do centro, a profe Silvia, mestra especialista en Audición e Linguaxe, presentounos toda unha serie de recursos que puxo a disposición do profesorado e familias do centro:



jueves, 23 de marzo de 2023

CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DA SÍNDROME DE DOWN

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down o alumnado e profesorado do CEIP Plurilingüe de Leirado asistiu ao centro con calcetíns distintos en cada pé. Ademais todo o alumnado, a través dos equipos de traballo cooperativo, pintaron pares de calcetíns desaparellados que colgaron en tendais. 

Con esta iniciativa pretendemos dar visibilidade ás persoas con Síndrome de Down nas actividades cotiás, apostar pola importancia da diversidade e fomentar a súa inclusión.

Esta é unha iniciativa que ten a súa orixe no Reino Unido, onde unha nena británica de 5 anos, Chloe Lennon, pediu a través de redes sociais que, para conmemorar este día, todas as persoas levasen calcetíns distintos en cada pé. Esta iniciativa foi compartida por máis de 700.000 persoas.


O equipo de biblioteca, pola súa parte, ofreceu diferentes recursos para traballar na aula:

Por último, a profe de música convidounos a facer a entrada e saída do centro coa seguinte canción:

miércoles, 4 de enero de 2023

ALUMNADO CON TDAH: PAUTAS PARA FAMILIAS

Para mellorar a súa autoestima:

  • Descubrir e mostrarlle as súas habilidades e capacidades confiando e crendo nelas.
  • Ofrecerlle responsabilidades acordes ás súas posibilidades.
  • Axudarlle a aceptar as súas propias limitacións e ofrecerlle a axuda necesaria para superalas.
  • Aceptar e valorar ao noso fillo/a como persoa non só polos seus éxitos e habilidades.
  • Substituír nas nosas indicacións o verbo “ser” polo verbo “estar”. Por ex.: “a túa habitación está desordenada” en lugar de “es un desordenado”.

Para motivar a súa aprendizaxe:

  • Concentrarse no esforzo realizado felicitándoo en lugar de nas súas cualificacións.
  • Crear hábitos de estudo cun lugar e un horario estable, regulando tempos de traballo e descanso e adaptando as esixencias de estudo ou traballo ás súas necesidades en lugar de diminuír estas esixencias.
  • Estimular as súas habilidades e capacidades adecuando as actividades extraescolares ás mesmas para potenciar a súa autoestima.
  • Manter contacto estreito co profesorado fomentando unha relación positiva.

Para mellorar a súa organización:

  • Utilizar listas coas normas, horarios e calendarios en lugares visibles: horario de actividades, tempos de estudo e tarefas e lecer, actividades extraescolares, planificación da fin de semana...
  • Crear rutinas diarias cun horario estable para achegar seguridade.
  • Usar alarmas e reloxos grandes e sinxelos para marcar tempos.
  • Usar axendas que lle permita organizarse.
  • Tentar que haxa un sitio fixo e ben sinalizado para cada cousa.
  • Actuar como modelo de exemplo.

jueves, 29 de diciembre de 2022

PAUTAS PARA AS FAMILIAS: IRMÁNS E IRMÁS NEUROTÍPICOS DE NENOS E NENAS CON TEA


 COMO SE SENTEN OS IRMÁNS E IRMÁS NEUROTÍPICOS DE NENOS E NENAS CON TEA?

Os irmáns e irmás de persoas con diversidade funcional van crecendo á beira dos mesmos e o modo de afrontar esta situación vai ser diferente e dependendo de diversos factores como a idade, o número de irmáns e persoas conviventes, a orde de nacemento, o tipo de diversidade, a actitude familiar, as súas habilidades madurativas e emocionais…

Así, os irmáns e irmás dunha persoa con diversidade funcional experimentan sentimentos ás veces difíciles de comprender. Estes poden ser sentimentos de amor e alegría, celos, culpa, vergoña, preocupación, sobre esixencia, anoxo, soidade, medo, ira, resentimento, confusión, presión, culpabilidade, frustración... Toda esta explosión de sentimentos é normal e na maioría dos casos, son pasaxeiros.

Que podemos facer? HABILITAR OS SEUS SENTIMENTOS

  • dando lugar, espazo e tempo á expresión dos sentimentos dos irmáns e irmás, poñendo palabras a aqueles sentimentos e emocións que aparecen.
  • escoitando e aceptando eses sentimentos que quizais non se comparten.

Para facilitar a convivencia haberá que ter en conta os seguintes aspectos:

  •  Aceptación: comprender que a persoa con diversidade funcional é diferente pero iso non é malo nin os define.
  • Estar preparados/as para situacións incómodas dotándolles de estratexias para que as afronten o mellor posible.
  • Facerlles partícipes explicándolles en que consiste a diversidade funcional e involucrándoos/as no seu coidado.
  • Fomentar actividades compartidas que involucren a toda a familia que favorezan a amizade entre irmáns e potencien as súas relacións.
  • Cariño: reforzando e recompensando a todos por igual, facéndolles saber que se lles quere por igual, dedicando tempo para estar con cada un dos fillos/a.
  • Considerar a posibilidade de consultar ou buscar axuda con algún profesional experto no tema e organizacións que ofrecen recursos para xestionar estas situacións familiares. É moi beneficioso coñecer outras familias coa mesma situación.


sábado, 3 de diciembre de 2022

CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Co motivo da conmemoración do día Internacional das persoas con discapacidade,  dentro do Proxecto Documental Integrado anual do centro  "Mergúllate con nós: descubre e aprende" todo o alumnado do centro  construíu un barco no que se destacaba os beneficios do mar para todas aquelas persoas con capacidades diferentes e  coñecíamos a persoas con discapacidade que conseguiron grandes logros grazas a este medio.

Así o noso alumnado traballou os beneficios da natación para os nenos e nenas con discapacidade, a cadeira anfibia, a prevención de riscos no mar e coñecimos a Beethoven, Bethany Hamilton, Susana Rodríguez... 

O equipo de biblioteca, pola súa parte, ofreceu diferentes recursos para traballar na aula: unha sala de cine e lectura moi especial. Preparade as palomitas que comezamos!


viernes, 18 de noviembre de 2022

DETECCIÓN PRECOZ DE TRASTORNOS DA LINGUAXE E DA APRENDIZAXE

Deixo a continuación a GUÍA DE SAÚDE INFANTIL: Detección precoz de trastornos da linguaxe e da aprendizaxe con actividades preventivas e de promoción da saúde en pediatría de atención primaria da Xunta de Galicia.



viernes, 28 de octubre de 2022

GUÍA PARA A INTERVENCIÓN NO ÁMBITO EDUCATIVO DO TRASTORNO ESPECÍFICO DA LINGUAXE

Deixo a continuación a Guía para a intervención no ámbito educativo do trastorno específico da linguaxe elaborado por ATELGA (Asociación TEL Galicia) para facilitar a identificación do alumnado con posibilidade de padecer un trastorno da linguaxe e proporcionar estratexias para traballar co alumnado con TEL no centexto natural da aula ordinaria.